Procedementos e servizos electrónicos
O Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) proporciona os seguintes procedementos e servizos electrónicos a través da súa sede electrónica:
Portal do alumnado
Trátase dun servizo de información dirixido ao alumnado dos cursos ofrecidos polo INAP, a través do que poderán realizar a consulta e actualización dos seus datos persoais, laborais e académicos. Así mesmo, poderán acceder á consulta do seu expediente (cursos realizados no INAP) e á xestión das súas solicitudes a cursos.
Portal do formador
Trátase dun servizo de información dirixido aos formadores dos cursos ofrecidos polo INAP, a través do que poderán consultar e actualizar os seus datos persoais, laborais e académicos. Ademais, o INAP, durante a planificación das súas accións formativas, poderá publicitar entre os formadores xa rexistrados aquelas accións para as que requira formadores. Dese xeito, mediante este servizo, poderase consultar que accións formativas se encontran nese estado e proporse para elas como formador.
Inscrición a cursos e información sobre actividades formativas
Utilice os distintos criterios de busca para acceder ás actividades formativas do INAP. Pode acceder a unha das súas fichas e, se é o caso, inscribirse electronicamente. A información sobre as actividades formativas non require autenticación por parte dos usuarios.
Espacio del opositor
Servizo de información dirixido a todos aqueles cidadáns que participan nalgún dos procesos selectivos relativos a todos os corpos e escalas adscritos ao Ministerio de Facenda e Función Pública e xestionados polo INAP.
Os opositores identificaranse e autenticaranse no sistema mediante os sistemas de sinatura electrónica sinalados no artigo 13.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.
Portal de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (FEDAP)
Este portal é de uso exclusivo para os promotores de formación para o emprego nas administracións públicas. O INAP é o órgano de apoio permanente á Comisión Xeral de Formación para o Emprego nas Administracións Públicas. No marco deste acordo tramita as subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación para empregados públicos promovidos no ámbito da Administración do Estado e da Administración local, así como polas organizacións sindicais que cumpran cos requisitos establecidos na normativa vixente e xestiona a realización de actividades complementarias para o sistema.
Solicitudes de bolsas e axudas
Entre as funcións atribuídas ao Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) figura, entre outras, a de promover a investigación, a formación, a difusión de experiencias e a realización de estudos e investigacións multidisciplinares sobre as institucións do Estado, das administracións públicas e da función pública. Con este fin, convócanse bolsas de formación e investigación e premios a teses de doutoramento. Así mesmo, convócanse bolsas de promoción interna do Ministerio de Política Territorial e Administración Pública para a preparación das probas selectivas para o acceso polo sistema de promoción interna, para determinados corpos e escalas adscritos ao departamento, e cuxa xestión se lle encomenda ao INAP.
Así mesmo, o INAP puxo en marcha unha liña de financiamento aberta para a realización de proxectos de investigación que se inscriban nas súas liñas prioritarias de traballo, mediante unha convocatoria permanente.
Este servizo require, para a autenticación, os sistemas de sinatura electrónica sinalados no artigo 13.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Así mesmo, as solicitudes de bolsas ou premios presentadas a través deste servizo electrónico deberán estar subscritas coa sinatura electrónica da persoa interesada.
Presentación electrónica de solicitud xeral, queixas, suxestións, recursos e reclamacións
Este servizo permítelles aos usuarios dos servizos do INAP a presentación electrónica de queixas, suxestións, recursos e reclamacións, así como o seguimento destes.
Este servizo require, para a autenticación, os sistemas de sinatura electrónica sinalados no artigo 13.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Así mesmo, as queixas, as suxestións, os recursos e as reclamacións presentados a través deste servizo electrónico deberán estar subscritos coa sinatura electrónica da persoa interesada.